Sunday 28 de April de 2024

Ortigueira prepárase para celebrar o Samaín con actividades “terroríficas” para todos os gustos e idades


• O 28 de outubro será o día grande, con visita ao cemiterio municipal, talleres, concurso de cabazas e magosto popular

• Tamén haberá, o día 31, unha charla sobre crenzas e supersticiones

Ortigueira prepárase, un ano máis, para celebrar o Samaín ao grande. O sábado, 28 de outubro, será o día grande, con múltiples actividades para todos os gustos e idades.
A xornada dará comezo a partir das 12:00 horas cunha visita guiada ao cemiterio municipal a cargo do actor e historiador Suso Martínez. Ao longo do paseo, as persoas asistentes poderán coñecer algúns dos segredos dun dos cemiterios máis antigos e importantes de Galicia.
A actividade é completamente gratuíta e require inscrición previa, que pode formalizarse na oficina de turismo ou a través do número de teléfono 981 422 089.
O día continuará convertendo o Claustro do Concello de Ortigueira nun escenario terrorífico. Alí, a partir das 16:30 horas, os máis pequenos e pequenas poderán gozar de dous talleres distintos: un de maquillaxes e outro de elaboración de caramelos. Ademais, entre as 19:00 e as 22:00 horas, haberá tamén unha casa do terror para os e as máis valentes.
Mentres tanto, durante a tarde, a praza de Isabel II encherase das orixinais cabazas presentadas ao concurso organizado pola ACO.
Ás 20:00 horas daranse a coñecer os distintos gañadores en cada unha das categorías establecidas pola asociación: 2 premios para nenos/as de 3 a 7 anos, 2 premios para nenos/as de 7 a 16 anos, 1 premio para maiores de 16 anos e adultos, 1 premio para Aspromor e 1 premio para a residencia Dolores Díaz Dávila. Ademais, todas as persoas participantes recibirán un obsequio e haberá sorteos.
Para pechar o día, ás 21:00 horas realizarase un gran magosto popular.

Crenzas e supersticiones
Leste será o eixo central da charla que acollerá a biblioteca municipal o martes, 31 de outubro, para despedirse da programación deste mes. Será José María López Ferro, mestre e director do Museo Etnográfico Monte Caxado das Pontes, quen fale das ‘Crenzas e Supersticións na comarca do Eume’.
A sesión, que dará comezo ás 19:00 horas, está organizada pola asociación Terras do Ortegal.